19.8.17

É a guerra

Non sabía que Hitler, Mussolini, Lenin, Troski, Stalin, Porfirio Díaz, Franco, Mao, Ho Chi Minh, Somoza, Ceausescu, Bokasa, Sadam Hussein, Jomeini, entre outros mortos ben mortos, seguen vivos. Os tempos pasados, pasados están. Cada época é única coas súas virtudes e defectos.  

Por iso utilizar a palabra fascismo en diferentes debates só serve para que quen a esgrime falte á verdade. Os problemas de agora aínda que non o pareza non son os de hai 80 anos. O mundo evoluciona, e as formas de opresión están no presente. 

Apelar o pasado que non se viviu para esconder problemas reais da actualidade, é de covardes. E covardes son quen por fanatismo relixioso, interese económico, partidismo ou simplemente por comodidade desvían as súas críticas cara a discusións bizantinas sen recordar un momento as víctimas inocentes a dor causada polos asasinos, aos que nalgúns casos xustifican no caso das súas tropelías en forma de morte, o peor crime. Crime que quedara para sempre nas víctimas que non morreron e as súas familias e amigos.  

Isto vén a este post polos recentes atentados de Barcelona que causaron morte, dor e enfrontamentos. Todo porque a covardía duns, o interese doutros, o partidismo de moitos e a comodidade de bastantes non recoñecen que teñen horror a morrer polos supostos castigos dos que utilizan o nome de Alá para asasinar.

Algún deses covardes poden permitirse o gusto de apoiarse na liberdade de expresión, incluso utilizar todo tipo de expresións para ridiculizar comportamentos. Todos, todos non. Ai dos que ataquen a Mahoma, vede o exemplo de Charlie Hebdo e outras miles de mortes en Oriente. Cando non, mirade o sistema que mata a pedradas a mulleres, asasina a homosexuais, crucifica os que chaman infieis, degola a quen non segue o seu fanatismo. Iso si, eles os dirixentes fan todo o contrario do que recomendan. Teñen xente dabondo para matar supostos enemigos mentres eles disfrutan dunha vellez tranquila e regada de praceres terrenais, pois son os seus fieis os que voan esnaquizados coa idea que hai para eles un paradiso.

Mais o peor, é que os asasinos islamistas viven no que de momento é a terra da democracia que tratan de derrubar. O cal poden conseguilo se non se pon freo aos seus intereses fanáticos. Cada vez son máis os que atacan producindo morte en todos os continentes. Por iso xa é hora de pararlle os pés coa contundencia que é necesaria para sobrevivir e non caer na morte ou na escravitude. 

Todo o demais son mentiras interesadas en cada parcela que forma o mundo. Estamos nunha guerra en inferioridade de condicións contra o islamismo porque xa están dentro e co apoio de algúns sectores da sociedade que no atacan o seu fanatismo que dende as avanzadillas yihadistas propagan en forma de morte e destrucción invocando ao seu deus, un deus que non ten cabida nun mundo libre.

26.6.17

Terrorismo

Recoñezo que ameaza do terrorismo é unha das teimas que máis impacto produce grazas aos medios de comunicación, problema o que se engaden os casos de corrupción dalgúns dirixentes políticos e sociais e, como non, a demostración que as forzas no Parlamento español están a perpetuar entre a cidadanía un desencanto crónico á hora de elixir aos seus representantes.

Mais non é iso todo o escrito enriba, o máis, aínda que agora soe a cantárena, é a situación de pobreza en que viven milleiros de persoas que ata non fai moito tempo tiñan un traballo co que ían soportando os embates naturais da vida. 

Esa problemática tan próxima e real do día a día, sen visos de solución, representa outra forma de terrorismo que non deixa de ser menos cruel que o sanguento e espectacular dos atentados que con pelos e sinais nos meten polos ollos un día si e outro non quenes se atribuen o dereito de informar.


20.5.17

Algo cheira a podrecido

Desde que existe o ensino sempre existiu o acoso escolar, pois  a arcadia feliz da nenez non escapa á crueldade que toda sociedade leva nos seus integrantes. E vén isto a conto, porque é raro o informativo de televisión, de radio, de prensa ou da internet que día a día non recolla un triste suceso relacionado co bullying que cando non termina con unha malleira faino cunha morte, sempre do máis débil.

Iso pasa porque vivimos nunha sociedade covarde, gobernada por covardes interesados que nunca chegan ao fondo da cuestión dos problemas. 

Do mesmo xeito que pasou co terrorismo da mafia nacionalista de ETA, e como pasa co terrorismo machista, o acoso escolar seguirá sempre coma unha patoloxía crónica dunha sociedade que está a crear matóns que impunemente salen airosos das súas fazañas, todo un síntoma dos valores dunha sociedade que dá moitas explicacións pero que non resolve nada, mentres cada poucos minutos hai escolares que están a vivir o terror cotidiano que en determinadas ocasións rematará da peor maneira que pode imaxinarse.


22.3.17


Información miserábel

Cando por determinadas circunstancias persoais, non teño máis remedio que escoitar as sirenas das televisións, danme igual públicas -a rebordar de maseiros- que privadas -cheas de rufiáns, téñome que tomar unha benzodiazepina para escapar a un ataque de pánico, cuxa principal característica é o vómito e a relaxación de esfínteres. 

O primeiro dos síntomas, anteriormente dito, está motivado porque o meu corpo, que lle vou a facer, rebélase desa maneira ante o lixo que xeran as tvs cando se trata de informar, formar e entreter, pois as pantallas convertéronse no barrio vermello da información que dominan os monopolios, os políticos, as mafias ou os aproveitados. Trátase de captar ao cliente a calquera prezo, e nesas están os autoprocramados -desde que o mundo é mundo, non é de agora- propietarios da información, magnates ou como se lles queira chamar.  

Non vou concretar cales son as principais causas informativas que me revolucionan o corpo, non vaia a ser que veña o fiscal e impúteme por non respectar a liberdade de información, ou ben un integrista político, relixioso ou económico e pégueme tiro na cabeza -con outro de remate polo si ou polo non- por non comungar con rodas de muíño. 

En canto á cagarría -a do cu- non da mente, porque aínda que me tome o orfidal non estou tolo, gustaríame que os seus resultados puidese empregalos en ciscarllos cara a quen  utiliza a información como unha casa de citas -con perdón para as hetairas e putos- eses que viven do seu traballo, pois a súa profesión é tan digna como a de quen cobra por enganarnos, iso si con todo o aparato necesario (imaxes supostamente rechamantes, voces impostadas e requebros do informante, en lugar de usar pinturas, vestimentas provocativas ou orgasmos finxidos.


7.12.16

"Levamos un animal dentro, pero non son partidaria de ser dona dun bicho"


Paula Carballeira (Maniños-Fene, 1972) acaba de chegar a súa terra tras unha produtiva estanza que a levou a Centroamérica, en concreto a Costa Rica, para participar nun festival de narrativa oral no que deu a coñecer a súa faceta de contacontos. Nesta ocasión os bolos que está a facer por Galicia son para espallar os poemas o máis recente do seus libros: Nunca mascotas (Costa Oeste - Galaxia). Trátase dun pequeno libro, de acordo con casos reais, onde os animais cobran un especial protagonismo no que teñen un lado simpático ou xerar inquietude.

Roque Soto
- Aínda que a palabra poida producir confusión, vivimos un tempo de zoofilia?
- Si, hai moito amor aos animais. Para min esa relación é un acto de humildade neste mundo, máis cando persoalmente dedícome ao eido artístico, onde, por certo, o ego humano está moi presente e tamén ten un amplo protagonismo a comunicación humana. A relación cos animais, no meu caso, semella un exercicio de humildade porque hai que estar moi centrada para observar o que pasa ao redor. Moi poucas veces temos en conta aos animais a non ser para sometelos o aproveitarnos dos seus recursos. Realmente eles dan leccións de vida, de como comportarse uns cos outros, de convivencia, de actitude, que hoxe en día son misteriosas. Nunha sociedade tecnicamente avanzada hai cousas básicas que non resolvemos e que teñen que ver con nós, os humanos, que dominamos os animais, cando en realidade somos moi animaliños. 
- Por que o título Nunca mascotas?
- Este libriño de poesía responde a una forma diferente de mirar aos animais, dende unha ollada máis acorde cos sentimentos, coa necesidade de liberdade para os que chamamos irracionais, pois mascota quere dicir escravitude, estar ao servizo de alguén. Levamos un animal dentro e polo tanto non son partidaria desa costume de ser dona dun bicho. Ás veces, e coincido con bastante xente, no caso do meu gato, eu son a súa mascota. Adóptame el a min, non eu a el.
- Nos poemas nótase que os animais adoptan hábitos humanos
-Si que é verdade, porque as persoas reproducimos comportamentos animais como animais que somos. Pero hai veces que a civilización non é tan positiva. Hai que mirar un pouco eses comportamentos dos animais para saber como cando una casa queda libre a ocupamos, como marcamos a territorialidade, costumes que teñen moitos animais que parecen dicir isto e o meu territorio de aquí non pasen.
- Vostede recorda que o libro está dirixido en especial á xuventude
- O contacto cos animais facilita un mellor coñecemento do mundo, pero tamén leva a un mellor coñecemento deles. Esas especies de berros, de chamadas de atención, de revindicacións, eses comportamentos da xente nova que tanto nos molestan, son chamadas de atención. Eu creo que a través do coñecemento dos animais pódese chegar a comportamentos que serían positivos para os adolescentes.
- Un libro de poucas páxinas, pero intenso
É un libro pequeno. Deille moitas voltas, pois eu escribo máis narrativa. Dubidei moito, pois dicía: está ben, pero que pensará o resto. Na narrativa tiña máis armas para dicir isto está ben feito, pero na poesía fáltame esa confianza. Pero vexo que atrae que se lee o libro, polo tanto pagou a pena o libriño.
- Cre que os animais rillarían con gusto o libro?
-Eu creo que o comerían con gusto. Que tamén é una forma moi bonita, moi poética: comer a literatura. Non sei que pensan os animais, aínda que me poida poñer no seu lugar, pero é bo que de cando en vez cambiemos o punto de vista. E que non falte, os animais cando ti te preocupas por eles, gústalles.


Publicado por Atlántico Diario (Vigo)

1.7.16

A historia de nunca acabar

Agora co verán, xentes do África negra, a miúdo os máis fortes e mozos -pois son a esperanza das súas familias-, homes, mulleres e nenos, aproveitan a en teoría bonanza climatolóxica para emprender a viaxe en busca de mellores horizontes onde asentarse e buscar unha saída ás súas miserias. 

As mafias, ás veces con apoio oficial, montan o seu negocio para traficar como nos mellores tempos dos negreiros, diso os europeus sabemos unha morea. O resultado desas viaxes queda recollido nas noticias dos medios de comunicación que ao final tamén contribúen a que os mortos formen parte dunha crónica negra evitable, pero que ninguén impide. Cando rematarán esas travesías de morte? Coido que hai para longo. 

Trátase dun tráfico máis, un negocio, como os de armas, drogas, mulleres. Tráfico que creceu nos últimos anos gracias as guerras que prenden en  parte do mundo, en especial en Oriente, onde escapan millóns de persoas fuxindo dunha morte segura baixo o fundamentalismo musulmán, pero tampouco é doada a agonía que terán que pasar nos campos eufemísticamente chamados de refuxiados en países máis desenvoltos en teoría. Mentras segue a crecer o diñeiro que cae en mafias por ese tráfico humano, do que son partícipes algúns gobernos corruptos e infames que hai polo terra que nos acolle.

10.6.16



Unha diatriba

Desde fai bastante tempo me permito a liberdade de non ler a prensa que se edita en Galicia, agás algunhas excepcións que non veñen ao caso. Por que? Estou farto das voces dos seus amos en que se converteron desde fai tempo as empresas xornalísticas con sede en Galicia, senón é que sempre o foron. Iso si, son demócratas, pois alternan a política se hai cambios, polo menos desde a denominada autonomía en Galicia. É dicir, hai que adaptarse ao que é do césar.

Se primeiro foi o goberno de Albor, a seguir foron os de Laxe, Fraga, Touriño e Feijoo, tempos nos que unhas empresas de comunicación medraron, outras non, e bastantes xornalistas preferiron os despachos oficiais ás redaccións feitas con escribintes recollidos mediante contratos lixo.

De cando en vez hai críticas contrastadas, obxectivas e de calidade, mais cando semella que van polo camiño axeitado, ao final todo se converte en papel mollado polo interese. As veces hai que armar barrullo para recoller o cacho de pastel que é necesario para manter os diarios e non caer en picado por falta de diñeiro.

A maioría dos políticos pensa que os medios de comunicación son o cuarto poder que vela pola limpeza do sistema, cando a realidade é ben diferente. O carto poder é unha abstracción porque os medios de comunicación constitúen reinos taifas que en canto poden utilizan tódalas as influenzas para atacar os da súa especie como se pode ver periodicamente nesas guerras que manteñen sobre todo os grandes grupos mediáticos, os medianos e os pequenos.

As relacións entre política e comunicación veñen de lonxe, se facemos historia o soldado que reventou para dar a noticia da vitoria de Maratón na Grecia antiga foi un dos pioneiros nesa trama.
Mais non son políticos todos os que locen, tamén hai cantidade de empresas que reparten a esportas o seu imposto de travesía anual. Na cidade onde vivo, Vigo, hai varias que por ser punteiras e exemplares coñecerédelas, Citroën -á que rende pletesía ata a Coroa-, Abanca, El Corte Inglés, Pescanova -hoxe en 
declive e coas ínfulas dos seus dirixentes polo chan- ou determinados grupos enerxéticos saqueadores a tope. Forman parte dun cuadrilátero nos que os mamporros se suavizan a golpe de diñeiro.

Hai que ver como algúns xornalistas de carreira ou intrusos engadidos perden o cú a hora de facerse coa franquicia da información da empresa de turno intocable a hora de ser criticada.

Hai outros nomes menos sonoros pero iguais de trincóns de cacho de pastel de poder. Ti dasme diñeiro, eu publicidade e presenza. Diso saben moito as seccións administrativas dos diarios que non compro, máis que das condicións de traballo dos que teñen ao lado, excepto os directivos que se adaptan ao xogo de intereses tan habituais nos medios de comunicación. Onde está a liberdade de expresión, onde o xornalismo de investigación, onde os valores democráticos. Onde está o informar, formar e entreter, pois das tres derradeiras penso que non se aplican e son sustituídas pola palabra despistar.

Así que para rematar, volvo a insistir en que renego da vasalaxe aos medios de comunicación e dos xornalistas vendidos que cobran por enganarnos, aínda que eu non creo neles, mais habelos hainos.

20.5.16




Si sabe, pero non vota

Pois si, hai motivos para que nas próximas eleccións xerais, previstas para o próximo 26 de xuño, moitas persoas non acudan a depositar o voto, porque xa están tan cansas que nin recorren ao voto denominado "gamberro". Tal é a inoperancia de todos os políticos, que unha alta porcentaxe dos españois non está disposto a gratificar a quen non llo merecen. Esta é unha apreciación que pode resultar peregrina, porque non está apoiada en estudos, enquisas ou outros métodos que os políticos e os seus aliados utilizan a miúdo para mostar por onde poden ir os votos que tratan de levar ao seu horto.

Pero, tamén cansan as enquisas e avances de intención de voto, porque son interesados na maioría dos casos, e unha excelente fonte de ingresos para as empresas e axencias que as realizan. 

Por tanto, non é necesario ningún tipo de investigación para saber que o paro é a primeira das preocupacións de quen son chamados ás urnas. A taxa é de case un 21%, cando a media europea comunitaria está na metade. Outras son corrupción, crise económica, recortes sociais (sanidade, educación, dependencia), pensións, acceso á vivenda, medio ambiente e inmigración -non son todas as que están-. En fin unhas problemáticas que se repiten no tempo, goberne quen goberne, sen visos dunha solución adecuada sen traumatismos para ninguén. 

29.3.16


De Lugo

Do seu vocabulario da condición das distintas parcelas agrarias, vese ben o amor do lugués polos seus prados e labradíos, aos que viches con adxectivos humanados, e moitas veces acariciadores. Nostálxico, modérao no sentimental a súa capacidade razoadora. Se emigrou, quere volver; pero tamén se consola iluminando paisaxes na memoria, lembrando romarías, e celebrándoas onde vive, con gaita ao fondo. 



A terra dos lucenses é como un gran reino antigo, tendido desde a montaña das neves perpetuas á onda mariña. Montes ásperos, espesos bosques, fértiles vales, anchos ríos e a claridade cantábrica. E ademais das cidades que ven sobre a terra, secretas urbes mergulladas, como a de Valverde baixo a lagoa de Cospeito. Hai tesouros ocultos, gardados por fadas ou por mouros. A xente co seu escuro acento, canta alegre ou melancólica, segundo os días.


Lugo
Álvaro Cunqueiro
Dor dos vellos

A condición de veterano lector de diarios de todo tipo non me impide ás veces que as malas noticias fagan madeixa na miña capacidade de abraio ata o punto  de caer na desesperanza tras percorrer coa vista as columnas da información que chama a miña atención, sobre todo se está relacionada con esa vulnerabilidade de determinadas persoas que as conduce inevitablemente á morte sen que ninguén nin nada o evite. 

É talvez porque vivimos nunha cultura do sufrimento que converte a dor en espectáculo, en lugar de problema a solucionar, cando non violación dos dereitos elementais das persoas que son utilizadas como meros reclamos publicitarios das súas desgrazas.

Non, non, a culpa non a teñen os medios de comunicación social; pois si, é verdade que constitúen empresas do mercado da oferta e a demanda.  En realidade, desde hai tempo -se non foi sempre así-, constituíronse nun cuarto poder que loita pola obxectividade, a transparencia e a non manipulación das súas informacións, premisas básicas na defensa da liberdade e, por tanto, dos desfavorecidos, é dicir de quen escapa a calquera control, ata o punto que cando morren ninguén se decata, aínda que ao final son os medios quen cumpre o seu labor de informar sobre a realidade,  pois nada escapa á súa profesionalidade e eficencia.

O asunto vén a conto porque na cidade en que habito saíron algunhas noticias sobre a morte de 15 persoas soas nos seus domicilios nun prazo dunha semana máis ou menos, a maioría de idade avanzada, sobre as que ninguén soubo delas ata que se descubriu que faleceran na máis estrita soidade sen molestar a ninguén. Nin aos representantes da sanidade, dos servizos sociais ou da facenda pública que tanto vela polos intereses de todos. Será que hai outros problemas máis importantes, que se a multinacional Citroen vaise ou queda, se os estaleiros remontan ou non, se a alcaldía está corrupta segundo a oposición, que se a Xunta...

A situación descrita di moito dunha sociedade sobre informada á que xa non lle basta con recibir información do lugar máis afastado do mundo sobre a anécdota máis parva relacionada cun asunto miúdo ou das gravísimas desgrazas alleas recreadas con todo luxo de detalles, porque as novas tecnoloxías converteron ao receptor en emisor.

Basta con darse unha volta por internet para descubrir os millóns e millóns de informantes, opinadores e terroristas da palabra que se cren que están a descubrir unha nova arcadia que poden controlar como ese Chaplin vestido de ditador que xoga coa bóla do mundo coma se fose un balón.

O asunto está claro. Nótase que ata agora, o envellecemento da poboación e a dependencia de boa parte do sector de máis idade da pirámide de poboación aínda non estalou o suficientemente forte como para que tomen medidas adecuadas quen coas súas decisións pasan por enriba do que denominan estado de benestar na nosa contorna máis próxima, por exemplo reducindo axudas ou privatizando servizos públicos, medidas que inflúen notoriamente en que os máis vellos atópense totalmente desamparados nunha sociedade supostamente civilizada, moi rica en hipocrisía, dende arriba a abaixo.


Fotos Sam Rock
Creative Commons License This obra b